Resistencia (Unha historia tenra e dramática que non te defraudará (1).pdf
Arnoia arnoia
1. Arnoia, Arnoia de Xosé Luis Méndez Ferrín
O autor desta obra, Xosé Luis Méndez Ferrín nace o 7 de agosto de 1938
en Ourense. Durante toda a súa vida exerceu activamente un labor
político e social a prol da defensa do galego e da independencia de
Galiza. Comezou formando parte do grupo Brais Pinto, foi fundador da
UPG (polo que foi detido en 1967) e actualmente é membro destacado
da FPG. No eido literario é recoñecido como un dos referentes da
literatura galega contemporánea cunha obra prolífica tanto na narrativa
(Percival e outras historias) coma na poesía (Con Pólvora e Magnolias),
así como con numerosos ensaios. Foi proposto para o Nobel de
Literatura.
2. A obra que nos ocupa, Arnoia, Arnoia,foi publicada en 1985; é unha novela
breve, e está orientada cara ao público xuvenil. Foi incluída na Lista de Honra
do IBBY (Organización Internacional para o Libro Xuvenil). O libro está
dividido en 8 capítulos cunha estrutura que se caracteriza pola presentación
dun problema e a posterior resolución do mesmo. A historia que se nos
presenta é a de Nmógadah, un Príncipe Segredo das terras de Arnoia.
Nmógadah realiza unha viaxe de retorno, pois unha cruenta guerra civil
afastouno da súa terra. Co mestre Lionel percorre as terras de Tagen Ata, ao
tempo que vivie numerosas aventuras e escapa dos perigos dunha viaxe de
tales características, aínda que o final lle depara unha sorpresa de logrado
efectismo para o lector.
Capítulo 1: “O Libredón”: Nmógadah é apresado polos policías Montaos
tras o asasinato da súa nai, Mai Loretta. Estes lévano ata unha pousada en
Armenia onde é encarcerado cun castrón co poder de comunicarse
mentalmente, chamado Mestre Lionel, que lle brinda a súa axuda. Xunto con
el consegue fuxir da prisión grazas a que se decata de que ten unha estrela na
man: o Libredón, que lle permite atravesar a parede.
Capítulo 2: “O enigma de Hannak Oberzen”: Nmógadah e o mestre Lionel
atópanse cunha raza de xigantes, os Leabertkolm. No seu castelo son
apresados, e para poder ser liberados deben solucionar unha adiviña que lles
propón o rei dos xigantes, Hannak Oberzen. Soluciónana mais, ao facelo, un
Príncipe Segredo de dezaseis anos como Nmógadah, Oberzen, enfurece e
carga contra eles coa súa ollada de lume, poder que o fixo rei, aínda que
grazas ao mestre deron escapado.
Capítulo 3: “Milmanda”: Tras disto conseguen ir á selva de Brocelandia,
onde se atopan con Grutanka que é en realidade Percival, un cabaleiro fillo
dun deus vello. Este ensínalles onde se atopa a espada máxica Milmanda. Está
nunha fonte onde hai unha estatua dunha dama da que Nmógadah se namora.
Pero caen nunha trampa.
Capítulo 4: “Ronaldo Macsen”: Os Grou, unha tribo de mineiros, aprésanos,
desármanos e sepáranos. Nmógadah é obrigado a traballar de mineiro na busca
da Trabe de Ouro dos Profundos que os Grou levan buscando séculos. Pero
grazas a unha mensaxe do Mestre Lionel coñece a Ronaldo Macsen, outro
preso, líder dun grupo de escravos que alenta unha revolución entre os seus e
que remata cos Grou.
Capítulo 5: “As Palabras Retorneadas”: Logo viaxan nunha caravana dos
Outigulam que se dirixe a Lee Poeirento, a seguir a ruta do Sol. Nunha parada,
o ex-oficial Brandaberis cítalle a Nmógadah as Oito Palabras Retorneadas que
non debe esquecer, xa que o acompañarán toda a vida.
3. Capítulo 6: “La Burla Negra”: Ao chegaren a Fisterra, Mestre Lionel e
Nmógadah abandonan a caravana dos Outigulam e conseguen unha
embarcación para ir a Arnoia, a terra de Nmógadah. Este descobre que a filla
morta do capitán , Calpurni Abana, era a rapariga da fonte. Entón o primeiro
oficial Amadou arma un motín e bota a Nmógadah e Mestre Lionel do barco,
deixándoos á deriva.
Capítulo 7: “Poder de damas mortas”: Espertan enriba dunha aguia xigante,
esta lévaos onda Calpurnia Abana, que está no pazo de cristal das damas
mortas, Finechrinn, chamado Francastel. Ela droga a Nmógadah coa flor
Chunnilain, mentres que Mestre Lionel e Xamirás Kaebr foxen de alí, intuíndo
que algo non vai ben. Van á Serra da Boa Esperanza ou Delourabana, terra dos
Hirr Henn Ys, que lles certifican que Nmógadah está nunha trampa das
Finechrinn, pero que o poden salvar grazas aos seus pexegos, que anulan o
efecto das Chunnilain. Así entran nun conflito que os enfronta contra as
Finechrinn. Finalmente conseguen liberar a Nmógadah e acabar coas
Finechrinn (que Nmógadah mata coa Milmanda).
Capítulo 8: “As camelias do Regreso”: Despídense os protagonistas e cada
un colle unha das camelias do regreso, que os levarán aos seus respectivos
destinos. Porén cando Nmógadah toma a súa crendo que volverá a Arnoia,
equivócase, xa que nunca houbo tal Arnoia e el mesmo deixa de ser un
Príncipe Segredo. O significado de ser Príncipe segredo é en realidade a
infancia e a historia fora soñada por un rapaz a noite antes de cumprir os
dezasete anos.
Canto ao contido, os temas principais que se tratan no libro son recorrentes na
súa obra: a política, moitas veces metaforizada no mundo fantástico que nace
do imaxinario do autor, está moi presente no libro, que é un reflexo da
sociedade galega durante a ditadura. É obvia a relación directa entre a guerra
que confronta os pobos de Tagen Ata e a guerra civil española, así como a
existencia de diferentes grupos opresores ou o encarceramento de Nmógadah,
que pode ser unha referencia á propia vida do autor. A madurez tamén está
moi presente na historia, Nmógadah depende da súa nai, Mai Loretta, e tras a
súa morte (e a través das aventuras que vai vivindo) evoluciona cara á
madurez, cada perigo que supera é unha marca de autosuficiencia que se
transforma (no final do libro) na metáfora da infancia e do paso cara a unha
etapa da vida máis complicada.
No plano formal, o estilo que emprega o autor nesta obra é característico da
súa produción literaria. Unha linguaxe moi refinada, chea de símbolos e cunha
adxectivación exquisita; aínda así, utiliza moitos dialectalismos e expresións
propias da lingua falada.
4. A través da creación do mundo fantástico (herdeiro de Cunqueiro) é capaz de
brindarlle á toponimia fantástica un novo valor, ao mesturala coa real
(Arnoia, Allariz, Fisterra) para facerlle pensar ao lector que está nun mundo
moi semellante ao real e achegar así a liña entre o onírico e a realidade. Con
todo, a creación do mundo literario de Ferrín está estreitamente ligado á
intertextualidade entre as súas obras e a materia de Bretaña, así como coa
literatura universal e a mitoloxía ao longo da historia. En Nmógadah vemos o
arquetipo de heroe, un rapaz que ten capacidades extraordinarias innatas
(simbolizadas no Libredón), que lle dan o poder de enfrontar calquera tipo de
obstáculo na súa viaxe, así como de resolver adiviñas coa súa admirable
intelixencia (coma Edipo). A viaxe permite ao heroe ir evolucionando e
conformando unha especie de metamorfose que se traduce nun final
sobrenatural. Tamén se observa na estatua de Brocelianda (o amor platónico
do protagonista) a fusión de Eros e Tánatos, o amor ameazador para
Nmógadah que será despois obxecto da trampa mortal en Francastel, polo que
terá que renunciar ao amor para continuar co periplo do heroe. En canto á
materia de Bretaña vese o paralelismo entre Nmógadah e o rei Artur tanto
pola súa condición de heroes como polo achado da espada Milmanda
(Escalibor), espada custodiada polo cabaleiro negro, é dicir, Perceval
(cabaleiro da táboa redonda do Ciclo Artúrico). Será o bosque de Brocelianda
onde se atopen uns petróglifos que conectan coa mitoloxía celta e mediante a
descrición que se dá tamén conecta co relato “Percival” do propio Ferrín. O
feito de que a narración sexa un soño está nos relatos do Mabinogion galés e o
ataque do Rei Leabertkom é similar aos contos bretóns medievais, polo que se
observa que a obra está chea de referencias e que é un exercicio de cohesión
entre o imaxinario de varias culturas.
Na miña opinión, este é un libro xenial para introducirse á obra de Ferrín e ao
seu mundo fantástico, é moi agradable de ler, engancha e, como se pode
observar, ten moitas referencias a outras culturas que enriquecen moito a
lectura e recoméndoo especialmente a quen lle guste a literatura fantástica ou a
quen se queira introducir nela. Persoalmente faría un paralelismo entre o
Hobbit de J.R.R. Tolkien e Arnoia, Arnoia como historia introdutora do
universo imaxinado do autor así como súmmum do seu estilo literario que
confirma o talle de Ferrín como pluma egrexia da literatura galega e universal.
Serxio García 2ºBACH C