HORA SANTA, XOVES 2020
Parroquia San Francisco de Asís dos Tilos
Os audios e oracións están pensadas para reler varias veces, para ilas remoendo cada quen o seu ritmo.
INTRODUCIÓN
Vivimos tempos incertos, nunha situación de indefensión e medo que, no fondo, nos pode conectar
con Xesús en Xetsemaní. No horto das oliveiras Xesús non ten máis para onde mirar que alzar os
seus ollos ao Pai da Vida, para, confiado nel, literalmente nas súas mans, vivir un presente incerto
coa confianza dun futuro de resurrección.
Nós hoxe tampouco sabemos onde mirar para buscar consolo, por iso nesta noite se volve moito
máis viva a necesidade de poñerse nas mans do Deus Pai-Nai, amor e esperanza que nos vacina
contra todo desalento.
A oración que propoñemos hoxe é unha meditación na que remoeremos amodo textos e cancións
que acenden luz nos lugares da desesperanza máis absolutos. Con Etty Hillesum, que resistiu
impávida no medio do exterminio, apalparemos a dor resilente. Con Thomas Merton recoñeceremos
os signos de resurrección, abertos á esperanza.
Canción: Xetsemaní, de Salomé Arricibita
Oración 1.
Meu Deus, estes tempos son tempos de terror. Está noite, por primeira vez, quedei esperta na
escuridade cos ollos ardentes, mentres desfilaban ante min, sen parar, imaxes de sufrimento.
Vouche prometer unha cousa, meu Deus, unha cousa moi pequena: voume abster de pendurar
neste día, como outros tantos pesos, as angustias que me inspira o futuro. Pero iso require
certo adestramento. Polo de agora, a cada día abóndalle a súa pena.
Vouche axudar, meu Deus, a non te apagar en min, pero non che podo garantir que vaia ter
éxito. Con todo, hai unha cousa que vexo cada vez con máis claridade: non es ti quen pode
axudarnos a nós, senón nós quen podemos axudarte a ti e, ao facelo, axudarnos a nós mesmos.
Isto é todo o que podemos salvar neste tempo, e tamén o único que conta: un pouco de ti en
nós, meu Deus.
Igual tamén nos poidamos contribuír a sacarte á luz nos corazóns devastados dos outros. (Etty
Hillesum)
Canción2: Pongo mi vida en tus manos, Luis Guitarra
Oración 2.
Deus, prométoche unha cousa: non farei que as miñas preocupacións polo futuro pesen como
un lastre hoxe, anque para iso preciso unha certa práctica. Cada día, en por si, é dabondo.
Axudareite, Deus, para que non me abandones, pero non te podo asegurar nada por
anticipado.
So unha cousa é para min cada vez máis evidente: que ti non nos podes axudar, que debemos
axudarte nos a ti, e así axudarémonos a nos mesmos. É o único que ten importancia nestes
tempos, Deus, salvar un anaco de ti en nós. Igual así podemos facer algo por te resucitar nos
corazóns desolados da xente. Si, meu señor, parece que ti tampouco podes cambiar moito as
circunstancias; ao fin e ao cabo pertences a esta vida. Non te esixo responsabilidades, ti nolas
poderías esixir a nós máis adiante. (Etty Hillesum)
Canción 3. Ergo os meus ollos cara o ceo, de Xesús Portas.
Evanxeo: Xn 12, 1-8. A unción en Betania.
Seis días antes da Pascua, foi Xesús a Betania, onde estaba Lázaro, a quen resucitara de entre os
mortos. Fixéronlle alí unha cea. Marta servía, mentres que Lázaro era un dos comensais.
Entón María, collendo unha libra de perfume de nardo puro, de moito prezo, unxiu os pés de Xesús
e enxugoullos cos seus cabelos. A casa quedou chea do recendo do perfume.
Pero Xudas, o Iscariote, un dos seus discípulos, o que o había de entregar, dixo:
-¿Por que non se vendeu ese perfume por trescentos denarios, e non se lles deron ós pobres?
Dixo isto non porque tivese interese polos pobres, senón porque era ladrón e, tendo el a bolsa,
botaba man do que se metía nela.
Pero Xesús replicou:
-Déixaa estar: que garde isto para o día do meu enterro; pois ós pobres sempre os tedes entre vós,
mentres que a min non sempre me ides ter.
Palabra de Deus.
Hoxe a Palabra fálanos de sufrimento e resilencia. Deus acompáñanos nas tebras, igual que
acompañaba a Xesús. Deixamos un tempo para deixar abrollar as nosas reflexións persoais.
ORACIÓN POLA COMUNIDADE UNIVERSAL
Nesta hora de dor e sufrimento, tamén temos que ser quen de saír de nós mesmos e ver os
sufrimentos que hai ao noso redor, para facernos conscientes deles e acompañalos coa nosa oración
e con xestos eficaces de proximidade.
• os inmigrantes que están na rúa porque pecharon os CIE’s e non teñen papeis que os fagan
ser inmigrantes regulares para poder traballar en condicións de dignidade.
• As mulleres maltratadas que levan 3 semanas pechadas na casa 24h cos seus maltratadores
sen ver que haxa posibilidade de escape, sufrindo por elas e polos seus fillos, que tamén
están confinados co maltratador.
• Presos e presas. Agora que nos vemos confinados pensamos nas persoas que pasan parte da
súa vida nos cárceres. Son seres humanos necesitados de comprensión e apoio. Aínda que o
cine nolos presenta moitas veces coma dementes irredentos, teñen familias ás que non ven,
son seres humanos que sofren ausencia e illamento.
• Os nenos e nenas con familias desestruturadas e en pobreza, que hai 3 semanas que non
teñen un cole ao que ir e no que comer, que quedaron sen o espazo no que fuxir de
situacións familiares límite.
• As persoas maiores que viven en residencias da terceira idade, sen visitas familiares e coa
incerteza de verse desvalidas diante do avance do coronavirus.
• As persoas enfermas que viven en illamento hospitalario, sen apenas contacto co mundo
exterior, na anguria e incerteza, temendo pola súa familia e pola súa propia recuperación.
• As persoas enfermas mentais, que necesitan saír á rúa e cando o fan son branco da
inquisición dos veciños. Polas persoas que seguen tratamentos de rehabilitación ou
psicolóxicos, e os viron interrompidos por mor do confinamento
• As persoas migrantes que están nos montes de Libia ou Marrocos, as que viven amoreadas
en campos de refuxiados, nun inferno do que non poden escapar porque as fronteiras seguen
pechadas e non dispoñen de recursos sanitarios.
• As persoas que viven en países pobres, sen asistencia sanitaria, que están sendo arrasados
por unha pandemia sen que os seus gobernos fagan o mínimo necesario para protexer á
poboación.
• As persoas ás que lles morre algún ser querido nestes tempos de pandemia e non poden
celebrar o enterro nin sentirse acompañadas pola comunidade nos momentos de loito e dor.
Brevemente, facemos presente cada un as necesidades que coñecemos e temos cerca de nós.
Canción 4. En ti descansa mi alma, Salomé Arricibita.
Oración 3.-
Señor, meu Deus, non teño nin idea cara onde vou. Non coñezo o camiño que hai ante min.
Non teño seguridade de onde acaba. Non me coñezo realmente, e o feito de que crea cumpro a
túa vontade non significa realmente que o estea a facer.
Pero creo que o desexo de te agradar agrádache realmente. E espero non facer nada nunca
aparte dese desexo.
Sei que se fago iso ti hasme guiar polo camiño recto, aínda que eu non o saiba. Por iso sempre
confiarei en Ti aínda que pareza perdido e á sombra da morte. Non temerei, pois ti sempre
estás comigo, e non deixarás que me enfronte só aos meus inimigos. (Thomas Merton).
A xeografía desdebúxase, a brúxula perdeu o seu Norte, non ten o horizonte sentido nin
explicación o camiño: non podo nin sequera esperar unha aurora boreal diferente que ilumine
as miñas tebras cun fugaz ¡Hurra!
Ou, corazón ardente, invisible e inconcibible neste deserto. Ti, só ti, eres verdade e aquí te
atopei.
Aquí adorareite e louvareite nunha morte silenciada, ata que os meus fieis osos de neve,
durante tempo branqueados e erosionados polos ventos deste Sahara, resuciten conforme ao
teu decreto, se eleven e derramen as flores da túa eterna primavera. (Thomas Merton)
Canción5. Quiero vivir más allá. Salomé Arricibita.