1. Formación e evolución xeolóxica da Península Ibérica e
das Illas Canarias e Baleares. As principais unidades
morfoestruturais
Os trazos do relevo actual da Península Ibérica e dos arquipélagos balear e canario fóronse
conformando ao longo de millóns de anos pola acción conxunta de forzas internas (a actividade tectónica,
volcánica e sísmica) e dos axentes externos (vento, auga, xeo, gases atmosféricos, seres vivos...).
A evolución xeolóxica da Península Ibérica e das Illas Baleares, incluídas na microplaca ibérica, está
condicionada pola interacción entre esta e as grandes placas euroasiática e africana. Pola contra, as Illas
Canarias, de orixe recente, asócianse ás vicisitude xeolóxicas do continente africano.
Era Arcaica ou Precámbrico (hai 4.600-570 millóns de anos).
Durante este período, que comeza coa formación da Terra e da codia terrestre, a meirande parte da
Península estaba mergullada baixo as augas do mar de Thetis. Só emerxía unha parte rochosa, o macizo
precámbrico, constituído por unha serie de cordilleira aliñadas en dirección NW-SE formadas por rochas
silíceas (granitos, lousas, cuarcita, gneis) moi ríxidas e duras. Este macizo agromaba en Galicia e nalgúns
puntos illados do Sistema Central e dos Montes de Toledo.
Durante centos de millóns de anos, este macizo foi atacado e erosionado ata quedar arrasado e
convertido nun zócolo que sería cuberto case completamente polos mares paleozoicos.
Era Primaria (Paleozoico: hai 570-230 millons de anos).
Durante o Paleozoico, a placa africana desprazouse presionando e chocando contra a placa
euroasiática. Este proceso deu lugar á oroxenia herciniana: o zócolo precámbrico fracturouse dando
orixe a diversos macizos e cordilleiras.
• Ao oeste, o Macizo Hespérico, longamente atacado pola erosión ata quedar completamente
arrasado e convertido nun zócolo (o zócolo hespérico), unha meseta inclinada cara o leste.
• Ao noreste agromaron ao final do Paleozoico agromaron outras terras emerxidas: os macizos
de Aquitania (ao norte dos Pireneos), Catalano-Balear e do Ebro. Ao sureste, xurdiu o
macizo Bético-Rifeño. Todos eles tamén foron erosionados e convertidos en zócolos.
Era Secundaria (Mesozoico: hai 230-65 millóns de anos).
O Mesozoico foi un período de calma tectónica no que preodominaron os procesos de erosión
e sedimentación e continuou o arrasamento dos macizos hercinianos. Como consecuencia, os
macizos Aquitano, Catalano-Balear e Bético-Rifeño foron convertidos en zócolos asolagados polo mar.
Sobre o zócolo hespérico, os movementos epiroxénicos da codia terrestre provocaron avances
(transgresións) e retrocesos (regresións) do nivel do mar.
Deste xeito, potentes capas sedimentarias fóronse acumulando sobre o borde oriental do
zócolo hespérico (calcarias, margas, areniscas) e sobre as foxas mariñas pirenaica e bética (calcarias).
1
2. Formación e evolución xeolóxica. As principais unidades morfoestruturais
Era Terciaria (Cenozoico: hai 65-2 millóns de anos)
A Era Terciaria caracterizouse polo dinamismo tectónico. O proceso máis significativo deste período
foi a oroxenia alpina, derivada da presión entre as placas euroasiática e africana, coa microplaca
ibérica en medio.
Como consecuencia da presión, os materiais sedimentarios (calcarias) depositados na foxa pirenaica
pregáronse dando orixe aos Pireneos actuando os vellos zócolos aquitano, catalano-balear e do Ebro
como topes. Do mesmo xeito, os materiais depositados na foxa bética dobráronse e erguéronse dando
lugar aos Sistemas Béticos actuando como topes os zócolos hespérico e bético-rifeño.
Paralelas a estas novas cordilleiras configuráronse senllas depresións convertidas en concas
sedimentarias, orixe das depresións do Ebro e do Guadalquivir.
O zócolo hespérico, formado por ríxidos materiais paleozoicos, fracturouse ante a presión en
distintos bloques: uns erguéronse dando lugar a diversos macizos montañosos (Sistema Central,
Montes de Toledo, Sierra Morena, Macizo Galaico-Leonés e parte occidental da Cordilleira Cantábrica),
outros afundíronse servindo de base ás distintas concas sedimentarias da Meseta (Douro, Texo,
Guadiana). Paralelamente, basculaba cara o oeste, determinando a actual disposición da rede fluvial.
Os materiais depositados durante o Mesozoico nos bordes orientais do zócolo hespérico
levantáronse tamén dando orixe á parte oriental da Cordilleira Cantábrica, ao Sistema Ibérico e a parte do
Sistema Costeiro-Catalán.
Nalgúnhas zonas illadas da Península xurdiron focos volcánicos (Campo de Calatrava, cabo de
Gata, La Gartotxa). Baixo o Atlántico, o fondo oceánico abriuse e a través das fracturas ascenderon
materiais volcánicos que ao enfriarse orixinaron o arquipélago canario.
Era Cuaternaria (Cenozoico: dende hai 2 millóns de anos).
O Cuaternario constitúe unha etapa de relativa calma tectónica durante o cal os procesos de
erosión e sedimentación xogan un importante papel.
A alternancia de períodos de enfriamento global do planeta (períodos glaciares) con outros de de
quencemento (períodos interglaciares) tivo consecuencias moi significativas. Os efectos do glaciarismo
son moi visibles nos sistemas montañosos máis elevados (Pireneos, Cordilleira Cantábrica, Sistema Central,
Sierra Nevada). A potencia erosiva dos glaciares deixaría circos, vales en U, lagos.
As consecuencias desta alternancia percíbense tamén na definición das concas fluviais. Durante as
épocas frías, boa parte da auga das montañas conxélase e o caudal dos ríos redúcese polo cal estes
perden forza erosiva e depositan sedimentos no seu cauce. Nos períodos cálidos, ao fundirse o xeo, os
ríos ven incrementado o seu caudal e a súa forza erosiva escavando os sedimentos anteriormente
acumulados deixando en suspensión aos lados os sedimentos anteriormente depositados. Formáronse
deste xeito as terrazas fluviais (Douro, Ebro, Texo, Guadiana).
Do mesmo xeito, o glaciarismo provocou cambios no nivel do mar e nas liñas de costa, con efectos
aínda hoxe perceptibles.
2
3. Formación e evolución xeolóxica. As principais unidades morfoestruturais
As unidades morfoestruturais.
A acción das forzas tectónicas é responsable da xénese das unidades morfoestruturais do relevo
hispano. Podemos distinguir, entre ellas, catro grandes conxuntos:
• Zócolos. Son as unidades de relevo máis antiga derivadas do arrasamento das cordilleiras ou
macizos paleozoicos (hercinianos). Estan formados por materiais ríxidos de carácter silíceo
(granito, lousa, cuarcita). Presentan un relevo chan ou lixeiramente abombado. Ocupan estensas
áreas na metade occidental da península agromando en amplos sectores das penechairas
castelás e extremeñas.
• Macizos antigos. Son sectores do zócolo (hespérico) que, como consuecuencia da oroxenia
alpina, se fracturaron e ergueron dando orixe a sistemas montañosos de mediana altitude
(Sistema Central, Montes de Toledo, Macizo Galaico-leonés, oeste da Cordilleira Cantábrica). Igual
que os zócolos están formados por materiais moi antigos de natureza silícea (granito, gneis, lousa,
cuarcita).
• Concas sedimentarias. Trátase de unidades afundidas de morfoloxía chá ou lixeramente
inclinadas que se formaron durante a oroxenia alpina no Terciario e que, posteriormente, foron
cubertas por sedimentos (calizas, areniscas, margas). Ubícanse nas concas prealpinas (bética,
Ebro) e nas concas interiores da Meseta (Douro, Texo, Guadiana).
• Cordilleiras de pregamento. Son as grandes cordilleiras elevadas a raíz da oroxenia alpina
como consecuencia do pregamento dos sedimentos plásticos (calcarias) que se foran depositando
nas foxas marinas (Pireneos, Sistemas Béticos) ou nos bordes do zócalo (Sistema Ibérico, parte
oriental da Cordilleira Cantábrica).
3